top of page

O FOGAR DO SANTISO

"O Fogar do Santiso naceu hai 20 anos, cando se levou a cabo un proxecto familiar. No comezo procurabamos o interese pola comida tradicional, mais non andabamos na busca de que a nosa fora deste tipo, xa que mercabamos todo a provedores.

Quíxose facer un cambio na forma de alimentar as persoas. En primeiro lugar creamos o noso cultivo para poder producir produtos e servilos cada día. Para conseguilo, tivemos que alugar varias fincas e traballar nós nelas, xa que os terreos dos que dispoñíamos non chegaban.

Queríamos un produto sano e local. Comezamos con 7 hectáreas. Non só pensamos no beneficio económico, tamén pensamos na parte emocional e sentimental e o amor pola terra do noso país. Ano a ano, temos que ter máis coñecementos. É unha continua preparación sobre a plantación ecolóxica. A terra é unha gran mestra.

 

Como conseguiron realizar todo o que está dicindo de residuo cero, produto 100% ecolóxico?

"Nós practicamos varios tipos de recompensación á  terra, por exemplo agora mesmo temos varias partes da terra plantadas con grelos, os grelos que temos plantados non son para o consumo, estos grelos son para nutrir a terra. Outro xeito que temos de coidar a terra é realizar un compost. Unha mestura de esterco de cabalo mesturado con verduras que xa non serven para o consumo. É un ingrediente moi importante para o campo que traballamos, xa que con isto dímonos conta de que lle damos aos vexetais o que precisan".

 

Cambian moito as cousas ao pasar de traballar con productos de provedores a traballar con produto propio?

"Si, cambia moitísimo, traballando cun provedor non coñeces moitas cousas. Para nós é moi importante saber de onde vén ese produto e o tratro que recibiu, é dicir, coñecer perfectamente o que estamos vendendo. Así xeito coñecemos o ADN dos nosos vexetais.

 

En canto ao produto co que comercializaba antes no Fogar do Santiso e co que comercializa agora, notastes cambios?

"Sí, moitísimo. Por desgraza, neste país a cultura é moi pobre. Falamos de cultura xeral, pero tamén da gastronómica. O primeiro produto que ofertamos era cociña local, cociña popular, pero co cambio ao ecolóxico a xente deixou de atopar o Fogar do Santiso como o que era antes. Cremos que pode ser por motivo do prezo, xa que cos produtos propios o prezo incrementouse polo valor engadido que teñen os nosos produtos. Si que atopamos un número de clientes que se sentiron cómodos no local pero, ao principio, marchou un 60 % da clientela. Mais co tempo, apareceu xente afín e a clientela subiu".

 

Que opinades das feiras de produtos ecolóxicos?

"É algo que beneficia moito xa que é unha exposición do que facemos. Son moitas as persoas que poden ver a calidade do que ofertamos e as formas que temos de traballar. A nós gustaríanos moito facer talleres aquí para que se poida observar e aprender a estar cerca da terra".

 

Todos os provedores cos que contades son todos produtores con certificación ecolóxica?

"Si. Todo os vexetais que mercamos son produción certificada ecolóxica e ademais de produtores coñecidas dos cales podemos presumir".

 

Para a conservación de produtos, tedes algún tipo de norma ou algún sistema de conservación?

"Non. Aquí no cultivo como se ve é todo verdura de tempada. A carta faise ao día. Dun día para outro non sabemos o que imos ter xa que se fai a recolección segundo a demanda. Ademais, nunca realizamos pratos con produtos que non sexan de tempada. Agora estamos recolectando os últimos produtos do outono. Xa comezamos a plantar o que é máis invernal. Os produtos que non se consumiron ou quedaron sen recoller xa non serven para consumo, e o seu destino será servir para compost".

 

Tedes algún tipo de tradición para que a terra descanse entre colleita e colleita?

"Cando plantamos produtos fortes como a pataca ou vexetais de inverno, reforzamos moito máis o descanso da terra e intentamos deixar un tempo breve -non máis dun mes- para cultivar algo de cereal. Os cereais proporcionan nutrientes ao terreo".

Ademais do cultivo propio e os pratos, que proxectos levades a cabo?

"Nós intentamos facer de todo. Temos gando e cultivo, pero tamén pescadores responsables asociados con nós, que empregan barcos artesanais e artes non agresivas como o boliche e a aliña. Temos viña e tamén os nosos licores. Agora estamos intentando sacar os nosos refrescos, salsas, marmeladadas… Queremos ter todos os produtos propios. Hai algúns que temos que mercar como as patacas e os cereais, xa que é imposible producir toda a cantidade que se demanda. Pero sempre que buscamos para mercar, imos a por opcións sostibles e respetuosas. Pódese dicir que nós facemos de todo. Non queremos ter residuos nin descartes, polo que é preciso ter todo o que temos. Se nos sobra foita, realizamos confituras, e así con todo".

 

Pensas que a produción ecolóxica está a convertirse nunha moda?

"Ogallá se convertise nunha das modas máis grandes do mundo, pero non o vexo así… A xente adoita producir para vender no estranxeiro, mais o consumos dos produtos ecolóxicos en Galicia é ínfima. Mais tamén penso que a produción ecolóxica non debería ser nunca unha moda".

 

Dun tempo para aquí vemos que abren as súas portas moitos establecementos de produtos ecolóxicos. Pensas que pode existir algún tipo de trampa nestes produtos? Pode ser que estén tratados con algún produto químico?

"A ver… A día de hoxe, isto ten moitas lecturas. Hai unha certificadora ecolóxica, que en teoría é a encargada de certificar as producións. Aínda así, nós consideramos que estas certificacións son insuficientes para quen queira facer trampas. A produción debería ser propia, traballando con provedores que teñan afinidade co noso xeito de traballar. Non estamos a favor da produción ecolóxica industrial nin nada que teña que ver con este tipo de cultivo. O que nós facemos é dar pratos de confianza".

© 2016 por SEMENTAR SEMENTAREI. Creado con Wix.com

  • Black Facebook Icon
  • Black Instagram Icon

Visita as nosas redes sociais!

Moitísimas grazas! Contestaremos o antes posible!

bottom of page